viernes, 25 de marzo de 2011

HOMENAXE A ISAURA GÓMEZ E PRESENTACIÓN DO SEU LIBRO


Hoxe, venres, ás 20.00 horas no Centro Recreativo de Figueiró, será celebrada unha homenaxe á memoria de Isaura Gómez Pérez, que foi ilustre veciña desta parroquia e é autentico símbolo da loita pola xustiza e polas liberdades.
Durante este acto, no que participarán veciños de Figueiró así como representantes sociais e veciñais doutras parroquias tomiñesas, será realizada unha ofrenda floral no camposanto, proxectándose un vídeo e farase a presentación dun libro dedicado á figura de Isaura Gómez.
A edición desta obra e a homenaxe a Isaura Gómez é unha iniciativa do Concello de Tomiño que a través da súa Oficina de Igualdade vén mostrando o seu interese e compromiso por visualizar e poñer en valor o papel feminino nos máis diferentes ámbitos, recuperando e divulgando a memoria de personaxes destacadas como é o caso de Isaura Gómez.
O acto contará coas intervencións da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da autora do libro Carmen Bouza Rey. Posteriormente abrirase un turno no que o público asistente poderá realizar as preguntas ou comentarios que desexe.
Isaura Gómez naceu en Lisboa en 1905 e viviu case toda a súa vida na parroquia tomiñesa de Figueiró, onde faleceu con 93 anos de idade. Foi unha muller culta e moi activa, defensora a ultranza de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. A pesar de sufrir moi de cerca o drama da guerra civil e da represión franquista, Isaura nunca deixou de apoiar e estar ao lado das persoas que máis dificultades e necesidades estaban pasando.
Sandra González sinalaba que "é un orgullo poder celebrar este recoñecemento público a Isaura Gómez, a quen tiven a fortuna de coñecer e tratar persoalmente". En opinión da rexedora "é necesario rescatar e dar a coñecer a memoria de mulleres como ela que defenderon e acreditaron firmemente nunha sociedade máis igualitaria e se converteron nun referente que as tomiñesas de hoxe e as do futuro nunca debéramos perder de vista.